DORES: ESTA SERÁ SEMPRE A TÚA CASA



                                                                      
A Coruña, 27~5~16
Querida Dores:
Chámome Miguel, e son un dos alumnos do IES Elviña que onte presenciamos o teu fantástico traballo co obradoiro de Penélope. A verdade é que pareceume unha experiencia incrible, aínda que hai pequenos detalles (que che comentarei despois) que se poderían mellorar, pero isto non quita que a actividade que organizaches sexa digna de felicitacións.
Creo que un dos obxectivos principais do taller era ensinarnos que a poesía é un xénero moi infravalorado, con moi poucas posibilidades reais de atraer novos lectores. Isto é, sobre todo, porque estes a un poemario lles dan como moito un o dous versos como oportunidade de que lles guste. Bastantes veces o poemario en cuestión non se vendería, xa que neste xénero é preciso pararse a pensar o significado que o autor lle deu a cada palabra, e entender o mundo que o autor crea co poema. Por iso penso que o traballo do poeta é un dos máis fermosos.
Creo que o tema sobre o que trataba o taller era moi acertado, xa que o mito  de Penélope e Ulises o coñece moita xente, pero a maioría non se para a facer o que fan os poetas: reflexionar sobre as distintas posibilidades que ofrece o mito. Isto queda reflexado por exemplo no poema que tocoulle ao meu grupo (Un paso adiante i outro atrás, Galiza, de Diaz Castro), que contiña unha profunda comparación entre Penélope e Galicia, sobre todo no tema dos inmigrantes, xa que as dúas permanecen inmóbiles esperando que os que se foron regresen. Ademais, aínda que ao principio non o pareza, na maioría dos versos aparece a comparación.
Con tantas cousas boas case non me atrevo a dicir o que saíu mal, pero como teño entendido que era a primeira vez que impartías o obradoiro é normal, e espero axudarche a melloralo. O primeiro que notei foi que a idea da ronda de presentación era estupenda, pero duraba demasiado sobre todo polas persoas que se bloquean, polo que habería que acurtala para que as demais actividades tiveran máis tempo. O seguinte que quería comentarche é que a diferenza de dificultade entre os poemas era moi grande, porque, aínda que o do noso grupo estaba ben, a outros tocáralles un moi dificil, e a algúns pola contra tocáralles un moi sinxelo. Xa para finalizar, gustariame que no taller lle dedicasemos máis ás cancións, unha pena que non tivesemos máis tempo.



Un saúdo,
Miguel Rodríguez Mosquera

PD: Recorda que o IES Elviña sempre será a túa casa.